Chámome Laura e en 2015 arranquei este proxecto con roteiros e actividades fotográficas presenciais. En 2020 recibín o apoio do Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España gracias ás Axudas para a modernización e innovación dixital no sector das artes visuais. A partir deste punto, o proxecto vira cara a creación dunha app móbil que permitíu espallar a memoria de Compostela e dos seus camiños dende un prisma multidireccional, onde o usuario é receptor de cultura e tamén creador.
O usuario descubría a partir do seu paso, as imaxes do Camiño de Santiago daqueles arquivos e fototecas que así nolo cedesen, para poñer en valor aos devanceiros e dar a coñecer a transformación do territorio e das tradicións asociadas a el. Así, ao longo do camiño observabamos imaxes históricas xeolocalizadas, patrimonio colectivo, tamén en formato son. As fototecas que apoiaron o proxecto dende os seus inicios foron a do Instituto de Patrimonio Cultural de España, a do Insituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento – CSIC, o Victoria & Albert Museum de Londres entre outras entidades.
En realidade, sempre se tratou do principio da memoria como axente activo, en constante movemento. Cando menos, ata ese ano 2024 o proxecto tiña estas premisas, mais agora parece que segue a mudar de forma…
Por que este proxecto?
As bases do proxecto xacen sobre a idea de tránsito, non só do propio Camiño, se non da natureza do ser human. Descubrir os espazos, as vilas, a cidade… a través das imaxes dos fotógrafos e fotógrafas que adicaron a meirande parte da súa vida a iso, pon ao usuario nun contexto de pertenza, onde o lugar dende ou cara onde se toma a fotografía, vincula dous momentos temporais remotos. Pareceume interesante como a fotografía é ferramenta, testemuño e proba, todo á mesma vez.
Na primeira versión da app propoñíase ao usuario mellorar as súas competencias en fotografía mentres descubría Compostela, a través de consellos fotográficos nos puntos estratéxicos da cidade, sempre baseándonos nas fotografías dos pioneiros e pioneiras. Unha maneira de coñecer o espazo e retratalo, tamén da man de profesionais da fotografía actual vencellados a Compostela, con obadoiros presenciais con Ariadna Silva, Xoan Crespo, Fuco Reyes, Edu Portela… A nosa app contaba tamén con ferramentas de fotografía específicas como unha calculadora de exposición, un temporizador, a previsión do tempo… e mesmo filtros de cámara que emulabn algunhas das técnicas de copia pioneiras. Na segunda versión foi igualmente posible crear rutas descargables cos puntos xeográficos onde os usuarios tomaron as súas fotos nunha xornada concreta, as cales podían ser consultadas e compartidas a través de wikilock ou google maps.
Por que xa non se pode descargar a app?
Coma ocorre coa vida, as cousas precisan adicación e agarimo. Neste caso, podemos resumir en que somentes eu estaba a proporcionarllo. Así, despois destes anos de vixencia, a app di adeus ás plataformas de android e ios. As melloras nos terminais, os cambios nas políticas dixitais e sobre todo, a falta de apoios, levanron a este proxecto a un punto no que actualmente, estes catro anos de preprodución, produción, presentación e declive, son unha mera anécdota e unha liña máis no currículum.
A razón pola que a web segue activa, é porque o aloxamento está pagado ata o ano que ven. Se queres axudarme, sempre podes poñerte en contacto comigo para propoñerme un plan, simplemente compadecerte de mín ou mercar unha bolsa de tea antes de que as recicle en novos accesorios.
🙂 Graciñas!
-
Bolsa de tela Totebag Gris12,00€ IVA incl.
-
Bolsa de tela Totebag Azul8,00€ IVA incl.